O Pescados Rubén está obrigado a remontar en Vista Alegre

O cadro burelés perdeu na pista do Betis e deberá gañar o venres para forzar o terceiro partido da eliminatoria

Chus, que tivo unha gran ocasión con 0-0, tenta pasar o balón ante a presión dun xogador do Betis. P. RUBÉN BURELA

O Pescados Rubén Burela deberá remontar en Vista Alegre se quere continuar no play off de ascenso á Liga Nacional de Fútbol Sala. O equipo que adestra Juanma Marrube perdeu (2-1) o primeiro encontro da eliminatoria contra o Betis e terá que gañar na casa o vindeiro venres, ás 21.00 horas, para forzar un terceiro e definitivo encontro, que sería o domingo no pavillón burelés, desde as seis da tarde.

GRIS PRIMEIRA METADE

O cadro burelés sufriu na primeira metade ante a enerxía do cadro andaluz, que se adiantou axiña. Despois dunha clara ocasión ao contragolpe que perdoou Chus, só ante o porteiro local, Éric Pérez anotou o 1-0 no minuto 8. O xogador catalán culminou unha perfecta execución dos locais na estratexia. Até o descanso, o gardameta naronés Edu foi o mellor dos mariñaos e permitiu ao seu equipo manterse con vida no partido.

Na segunda metade, o Pescados Rubén Burela mostrou unha mellor cara e Pope equilibrou o marcador no minuto 22 tras recibir un servizo de Renato, que puxo o balón en xogo con rapidez nun saque de banda. A partir do 1-1, o conxunto visitante estivo cada vez máis cómodo fronte a un Betis que non era capaz de crear perigo. 

RUBÉN CORNEJO DECIDE O DUELO

Sen embargo, o Betis ten xogadores con calidade abonda para decidir un partido nunha acción illada. No minuto 34, cando o conxunto local semellaba maniatado polo cadro burelés, Rubén Cornejo maniobrou con rapidez e, entre catro rivais, sacou un mísil dirixido á portería de Edu, que non puido facer nada.

De aí ao final, o Pescados Rubén Burela acusou o golpe e, malia que tentou acadar o empate con porteiro-xogador, non foi quen equilibrar o marcador. Os discípulos de Juanma teñen a obriga de remontar, pero contan co factor pista a favor: o vindeiro encontro -e tamén un terceiro, de ser necesario- será en Vista Alegre, ao calor da afección. 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here